Year: 2024
Type: dissertation
Abstract: Na realidade semántica que define a lingua galega, o actor interpreta ou actúa, pero non xoga. Non obstante, vemos que a lingua francesa ou a inglesa abren unha fenda de significado que permite que nos preguntemos polas causas dese parentesco semántico, un convite a analizar ámbolos dous fenómenos, o do xogo e o da interpretación, de forma conxunta, coa firme vontade de esclarecer a fenomenoloxía do xogo e que o noso idioma lle recoñeza á interpretación teatral a súa condición de xogo. Neste traballo propoñemos unha reflexión arredor do feito do xogar teatral, entendido como aquilo que fai o que xoga en escena. Para iso, amais de considerar literatura relevante que aborda a teoría do actor, buscaremos outras formas de analizar a visión da interpretación nesa perspectiva das teorías do xogo, especialmente da formulada por Jacques Henriot, que define o xogar como un proceso mental que se produce nun movemento permanente, dialéctico, entre a realidade e a convención imaxinaria que constitúe o marco do xogo. Trátase dun proceso interno que produce, a continuación, signos exteriores identificables por un eventual espectador. O recoñecemento do xogo por parte do observador consiste na identificación desa serie de accións ou comportamentos como propios do xogar nas actividades do neno, do deportista e do actor. ¿Podemos, a partir desta visión do xogo, explicar o xogo teatral? Por outra banda, buscaremos relacións posibles con outras formas de xogar para poder analizar este fenómeno en detalle. Interesarémonos, principalmente, á práctica deportiva e aos videoxogos, determinando se o xogo teatral ten tanto que ver co que fai un xogador de baloncesto como cun xogo de simulación ou de representación, co propósito de conseguir formular unha definición funcional de xogo teatral, seguindo as bases teóricas establecidas por Henriot para o xogo como actividade en sentido máis amplo: establecer o feito, enumerar as súas características obxectivas e definir as condicións nas que se pode identificar como tal; explicar o feito: buscar as súas causas, formular as súas leis, determinar a súa función. Por último, tentaremos considerar eses resultados na procura de ferramentas útiles na práctica de preparación dos actores e propoñer solucións para a utilización do xogo na formación ás artes escénicas, apoiándonos na teoría de Jacques Henriot para formular estratexias que tomen camiños distintos que complementen os xa empregados na actualidade.
Author: Alonso Carballeira, Xosé Alberte
Institution: Universidade de Vigo
Language: Galician
Subfield: Visual Arts and Performing Arts
Field: Arts and Humanities
Domain: Social Sciences
Open Access status: green
OpenAlex ID: W7033127977
