Work

Influencia do cultivo de mexillón na comunidade de plancto microbiano na Ría de Vigo

Year: 2016
Type: dissertation
Abstract: O cultivo do mexillón nas Rías Galegas experimentou un incremento espectacular dende o seu comezo no ano 1946, ata converterse, na actualidade, na rexión máis produtiva de Europa e nunha das máis importantes do mundo, sendo por iso un importante motor socioeconómico para Galicia. O auxe deste cultivo encóntrase estreitamente unido á elevada produción primaria das Rías, a cal depende do afloramento que, á súa vez, condiciona a estrutura e composición da comunidade de plancto microbiano. Considerando que a estrutura e composición da comunidade planctónica microbiana afectan directamente á organización trófica de todo o ecosistema, un obxectivo deste traballo será caracterizar a variabilidade estacional na estrutura de tamaños e composición do plancto microbiano autótrofo e heterótrofo na Ría de Vigo en función das condicións oceanográficas reinantes en cada momento. Ao mesmo tempo, examinaremos a influencia que exerce a actividade filtradora do mexillón Mytilus galloprovincialis Lmk sobre a estrutura e composición da devandita comunidade de plancto microbiano. Por outra parte, a produción primaria garda unha estreita relación coa estrutura de tamaños da comunidade de plancto microbiano, sendo un factor fundamental que afecta a funcionamento bioxeoquímico do ecosistema mariño e polo tanto ao destino do carbono orgánico no océano. Nesta tese analizaremos tamén o balance metabólico entre a produción primaria bruta e a respiración da comunidade en relación á estrutura de tamaños da comunidade de plancto microbiano, centrando a atención na posible influencia que pode producir a alimentación das densas poboacións de mexillón que se cultivan na Ría. Por último, dado que o mexillón xera biodepósitos que se depositan sobre o sedimento, resultado do seu comportamento alimentario, cabería supoñer que estariamos ante unha especie clave no acoplamento peláxico-bentónico, que influiría na magnitude dos fluxos verticais de carbono orgánico. Para clarificar esta influencia, analizaremos a magnitude destes fluxos bioxénicos verticais dentro e fóra da zona de influencia das bateas, o que nos proporcionará información relevante sobre o destino do carbono orgánico nun sistema tan produtivo como a Ría de Vigo. En resumo, esta tese permitirá caracterizar a estrutura e composición do plancto microbiano, a produción primaria e o balance metabólico, así como os fluxos bioxénicos verticais na Ría de Vigo, en función das condicións hidrográficas reinantes durante 4 períodos estacionais típicos da rexión: outono, inverno, primavera e verán. Simultáneamente, investigarase a influencia do cultivo do mexillón sobre a comunidade de plancto microbiano e sobre as variables bioxeoquímicas da columna de auga.
Language: English
Subfield: Oceanography
Open Access status: green
OpenAlex ID: W7166417910
Cites: 159
Cited by:
Related to: 10