Year: 2011
Type: article
Abstract: O obxecto do presente traballo é estudar a natureza e funcións do artigo que nunha grande porcentaxe de casos, tanto en galego coma en español, precede aos nomes de lugar como en A Coruña, Os Peares, El Escorial, Los Monegros. A idea, xeralmente aceptada, de que este artigo forma parte do propio topónimo é tan só certa en contados casos, como son os de Oporto ou Alcalá en español, ou, en galego, Arriba, Ocastro e Acernada, porque, ademais de aglutinarse graficamente co topónimo, xa non se sente nin funciona como verdadeiro artigo.Agora ben, segundo se argumenta nas páxinas que seguen, normalmente o artigo que precede aos topónimos segue funcionando como tal artigo, constituíndo, polo tanto, un vocábulo en si mesmo que, obviamente, non pode interpretarse como constituínte do nome propio a que acompaña. Con este forma o que aquí imos chamar sintagma denominativo, onde tal apéndice gramatical pode desempeñar tres funcións moi distintas: a anafórica (por exemplo, en o Miño, o Pindo, el Ebro), a recategorizadora (así, en a Galicia medieval, el Madrid de los Austrias) e, finalmente, a pleonástica, como, por exemplo, en A Coruña, La Rioja. É certo que, neste último caso, o artigo se acha máis unido ao nome –de aí o costume de escribilo con maiúscula inicial–; pero segue comportándose como tal, como o demostra o feito de ser incompatible con outro artigo de carácter anafórico ou recategorizador (por exemplo, en a Coruña de antes da guerra / *a A Coruña de antes da guerra), ou que, precedido de certas preposicións, se funde con elas (así, Vai na Coruña, Anda polas Pontes). A conclusión que se tira de todo isto é que o artigo pleonástico é igualmente traducible que, por descontado, o anafórico e recategorizador cando se fala ou escribe nunha lingua diferente á orixinaria do topónimo: Nació en la Mariña, Veño das Batuecas.
Source: Revista Galega de Filoloxía
Author: Xosé-Álvaro Porto Dapena
Institution: Universidade da Coruña
Language: Galician
Subfield: Language and Linguistics
Field: Arts and Humanities
Domain: Social Sciences
Open Access status: diamond
OpenAlex ID: W300023610
